
ARQUEOLOXÍA
OS NOSOS ANTEPASADOS
En Carnota atopamos numerosas mostras de gravados rupestres realizados en pedras ao aire libre, os petróglifos. Os más coñecidos son os que integran o Espazo Arqueolóxico Aberto: a Laxa Escrita, o Afilladuiro, As Laxiñas, Rego Lamoso e Prousos Magos.
Dende finais da Idade do Bronce e ata o século I, desenvolveuse no noroeste peninsular a cultura castrexa, cuxa característica máis notable son os seus poboados amurallados coñecidos coma os castros dos que toma nome. No noso Concello destacan a presenza de dous castros; o Castro de Mallou, que aínda presenta restos das murallas e das vivendas e o dos Miñarzos, na parroquia de Lira, do que apenas quedan restos visibles como consecuencia da construcción posterior doutras vivendas.
Espazo Arqueolóxico Aberto
O Espazo Arqueolóxico Aberto é unha ruta de arredor de 10,5 km, que permite descubrir sete xacementos de distintas épocas e tipoloxías, seleccionados dentro da gran riqueza cultural de Carnota, onde se poden contabilizar ata cerca de oitenta sitios arqueolóxicos. O Espazo ofrece un percorrido pola historia, dende a Idade de Bronce ata os nosos días.
Esta ruta inclúe os petróglifos de Prousos Magos, A Laxe Escrita, Rego Lamoso, O Afilladuiro e As Laxiñas; así como o Castro de Mallou e a Torre dos Mouros.
O acceso aos diferentes xacementos están debidamente sinalizados ao longo da Senda Verde e tamén a través de paneis informativos nos accesos o que facilita a visita e permite escoller entre varios itinerarios que poden empezar dende Lira, Mallou, Carnota e Louredo.
A máis de 300 m de altitude, os camiños brindan tramén vistas privilexiadas do areal de Carnota, de case 7 km; do Faro de Fisterra e do Monte Pindo.
Grazas as características deste museo ao aire libre, a ruta pódese percorrer pé ou en bicicleta a calquera hora do día, combinando cultura, turismo e deporte.

PETRÓGLIFOS
A LAXE ESCRITA
Os gravados repártense en varios grupos. A primeira agrupación localízase sobre unha gran laxe a ras do chan, situada na marxe norte da pista forestal, onde se poden observar multitude de motivos, entre os que podemos citar combinacións circulares, varios motivos cruciformes, así como uns gravados que semellan representar embarcacións.
Dentro das combinacións circulares destacan as representacións que aparecen xusto ao lado da pista; tal é a súa singularidade que acadaron o prestixio de converterse no símbolo do Espazo Arqueolóxico Aberto.
Como chegar
Detrás do Concello de Carnota atópase o Pavillón Polideportivo Municipal e, xusto ao seu carón, atópase un panel informativo do Espazo Arqueolóxico. Ascendemos pola pista uns 700 metros, cunha pendente moderada, e achamos a mesa interpretativa na marxe esquerda da pista e a escasos metros o petróglfo da Laxe Escrita.
AS LAXIÑAS
Este conxunto quizais sexa un dos máis espectaculares do concello, tanto pola súa ubicación como polos gravados que contén.
As inscricións están espalladas por varias das grandes laxes que compoñen esta formación rochosa. Os máis visibles son un amplo conxunto de círculos concéntricos. Destaca tamén, pola súa importancia, a representación dunha arma, tipo puñal ou espada curta e unha representación de dous motivos zoomorfos, un macho e unha femia, unidos polos seus cuartos traseiros. O resto dos gravados son varios conxuntos de pequenas coviñas, así como algúns trazos xa case inapreciables.
Como chegar
Para acceder a el hai que tomar un desvío no camiño, á altura de Martiaño, na Senda Verde. Á esquerda da mesa interpretativa, atópase o petróglifo. A distancia ás Laxiñas dende Mallou é de 2.200 m; dende Carnota, 3.900 m; dende Lira, 5.500 m e dende o acceso de Louredo, 8.700 m.
O AFILLADUIRO
Atópase situado nunha das marxes da Senda Verde, á altura de Mallou. Está localizado en diferentes partes dunha formación rochosa de grandes dimensións e boa visibilidade.
Os gravados atópanse en distintas laxes de complicado acceso, debido ao desnivel e a irregularidade do terreo. Ademais de identificarse distintas combinacións circulares, destaca o que parece ser a figura dunha muller cun neno no colo. Aínda que o seu significado segue sendo un enigma, a hipótese máis evocadora apunta a ser a representación da figura dunha deusa nai a que irían asociados numerosos ritos de fertilidade.
Como chegar
Para acceder aos petróglifos hai que ascender primeiro por unha pequena escaleira de madeira dende A Senda Verde e posteriormente pola ladeira.
A distancia ao Afilladuiro dende Mallou é de 1.800 m; dende Carnota, 3.900 m; dende Lira, 5.100 m e dende Louredo, 8.600 m.
PROUSOS MAGOS
Os petróglifos de Prousos Magos están distribuídos en dúas estacións, que malia a súa proximidade, teñen unhas características moi distintas en canto ao emprazamento e á composición dos gravados.
A primeira estación é Prousos Magos I, situada nun esporón rochoso, moi visible e localizado en tres puntos diferentes. Son fundamentalmente agrupacións de cazoletas de diversos tamaños, salvo na pequena cova que forman as rochas, onde encontramos tamén combinacións circulares.
A estación Prousos Magos II está situada a ras do chan con una inclinación similar á da ladeira. Presenta uns gravados con variedade de motivos, que van dende unha ducia de paletas, cazoletas, combinacións circulares e trazos serpentiformes ou cruciformes, ata outros motivos máis difíciles de concretar. Entre tanta variedade, encontramos tamén algúns gravados, como as letras, que son de época recente. O mesmo sucede con algunos dos gravados orixinais que se atopan retocados na actualidade, tal e como se pode apreiar como nos trazos dos surcos.
Como chegar
Situados en A Laxe Escrita, seguimos ascendendo pola pista na que nos atopamos. Chegados ao cruce ca Senda Verde, collemos a nosa esquerda. Camiñamos ao longo de 5,3 km ata un novo cruce, donde nos desviaremos a nosa esquerda. A uns 400 metros, chegaremos ao noso destino: as estacións de Prousos Magos.
REGO LAMOSO
Os petróglifos de Rego Lamoso sitúanse sobre unha formación rochosa que sobresae no entorno e que se distribúe en 4 grupos.
Trátase dun complexo e variado conxunto de petróglifos no que destacan catro agrupacións con cazoletas, representacións de armas, círculos concéntricos e rebaixes cadrados.
Destacan pola súa importancia tres representacións de armas similares a espadas cortas ou puñais. Completan estes gravados unha pequena combinación circular e un motivo en zigzag.
Como chegar
Tomamos como referencia o camiño que vai dende Mallou ata o cruce coa pista da Senda Verde e dende aí, a 1,7 kilómetros en dirección a Carnota, collemos un desvío á esquerda. Despois de andar uns 200 metros, pasando por unha zona de eucaliptos, o camiño empeza unha baixada ao lado dun muro de pedra á esquerda. Continuando este camiño xa se divisa o panel informativo e detrás o conxunto de petróglifos.
> Prousos Magos


> As Laxiñas


> O Filladouro / O Afilladouro


> Rego Lamoso



Castro de Mallou
O Castro de Mallou é un poboado fortificado da Idade do Ferro, que puido estar en funcionamento entre os séculos IV-III a. C. e o I d. C.
O seu perímetro está rodeado practicamente na súa totalidade por dúas murallas separadas por un terraplén e reforzadas na cara sur cunha terceira muralla e un pequeno parapeto, entre os que se localizaría un foxo. É posible que esta terceira muralla estivese delimitando un posible antecastro. O conxunto abrangue unha superficie aproximada de 1,38 hectáreas.
O recinto principal do castro ocupa unha superficie de forma ovalada duns 4.450 metros cadrados. O seu estado de conservación non é tan bo como se desexaría, pois moitas das pedras que formaban as construcións foron aproveitadas noutros tempos para outros mesteres. Ademais das vivendas, entre os achados destaca un posible alxibe, o corpo de garda, restos de escoura de ferro (que indicaría unha posible ferrería), fusaiolas, muíños naviformes e abundantes fragmentos de cerámica.
Entre os anos 2006 e 2008 realizáronse unhas primeiras actuacións no recinto, as cales deixaron á vista varias construcións na croa. Posteriormente, en 2013, o castro recuperouse por medio dunha iniciativa de arqueoloxía pública na que participou a veciñanza, voluntariado e o Concello de Carnota.
Segundo contan as lendas, o castro foi residencia da Raíña Lupa e mesmo se sinala un dos penedos do recinto como a súa cadeira ou trono. A tradición oral fala tamén da aparición neste lugar, dunha escultura dunha cabeza de porco bravo, que posteriormente foi roubada.
Como chegar
Dende Mallou, tomando o acceso á Senda Verde atopamos a escasos 500 metros o Castro de Mallou á man dereita. Ao chegar ao cartel informativo na pista, hai que ascender apenas 20 metros por un terreo doado, para atopar a mesa interpretativa situada ao pé do castro.
OUTROS XACEMENTOS

Torre dos Mouros
A Torre dos Mouros é unha impoñente fortificación de inicios da Idade Media. Localizada nun outeiro rochoso, ten unha privilexiada vista de 360º que abrangue dende Monte Louro (Muros) ata Cabo Fisterra.
A fortificación consta de diferentes elementos:
-
Un sistema de dobre muralla que pecha este recinto de dúas hectáreas de extensión.
-
Un camiño de acceso lousado duns 20 metros que dá paso ao interior do recinto principal.
-
Dous recintos internos: o principal, na parte baixa, na explanada á que accedemos ao atravesar as murallas; e un segundo recinto, na parte elevada, un reduto de máis difícil acceso, que contaría cun peche perimetral propio.
-
Unha entrada monumental orientada cara ao porto de Lira, cun claro carácter disuasorio fronte a posibles ataques dende o mar.
Segundo o estudo dos vestixios e do contexto construtivo, estaría deseñada para acoller a unha comunidade de xeito puntual, en momentos concretos, que corresponderían con aqueles de maior virulencia das razzias viquingas, ataques máis frecuentes nas épocas máis favorables para a navegación (primavera e verán). Despois do s. XII, co cese dos ataques, deixaría de usarse como refuxio e pasaría a ter un uso agro-gandeiro.
No século XX, o lugar mantivo a súa función de protección, xa que foi utilizado como refuxio para os fuxidos da Guerra Civil. Este espazo está asociado a diversas lendas, entre as que destaca a do cabaliño de ouro.
O lugar puido ser recuperado por medio dunha iniciativa de arqueoloxía pública coa participación da veciñanza de Lira, voluntariado e o Concello de Carnota.
Como chegar
Está situado aproximadamente na metade do camiño de acceso á Senda Verde dende Lira. A pé do camiño atópase a mesa interpretativa e xusto detrás a cancela que pecha o xacemento. Para acceder hai que abrila e xa se pode observar o camiño empedrado, duns 20 metros, que sobe ao recinto superior a través das murallas, entrada orixinal desta fortificación.
Bibliografía
AGRAFOXO PÉREZ, X. (1991): “A cultura castrexa nos concellos de Outes, Muros e Carnota”. Cadernos Cruceiro do Rego. Publicacións Sementeira. Noia.
ALONSO ROMERO, F. (1993): “Las embarcaciones en el período germánico del arte rupestre de Carnota (La Coruña)”. Galicia: da romanidade á xermanización. Problemas históricos e culturais. Actas do encontro científico en homenaxe a Fermín Bouza Brey (1901-1973), Santiago de Compostela.
ALONSO ROMERO, F. (2007): “Análisis etnográfico y arqueológico de unha Diosa Madre en el petroglifo del Outeiro do Filladuiro en Mallou (Carnota, A Coruña): Coviñas y círculos”. Anuario Brigantino. Nº 30. pp. 26-56.
BARREIRO BARRAL, J. (1970): “Notas Arqueológicas e históricas de los montes de El Pindo”. Compostellanum, T. 15, nº 4, pp. 653-643. Santiago de Compostela.
BÓVEDA FERNÁNDEZ, Mª. J.; CAÑIZO FRAGA, J. A.; VILASECO VÁZQUEZ, I. (1999): “Lugares para grabar, lugares para morrer. Petroglifos e cistas na Idade do Bronce no NW da Península Ibérica”. Gallaecia: revista de arqueoloxía e antigüidade, nº 18, pp. 89-102.
CRÁNEO, M. (2012): A Torre dos Mouros. Demo Editorial.
CERNADAS SANDE, J. (2008): Gravados rupestres nos montes de Carnota. TresCtres Editores. Santa Comba (A Coruña).
CONCELLO DE CARNOTA (2013): Catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Documento previo á aprobación inicial. Tomo V.
LAMAS BÉRTOLO, J. (2009): “Campo arqueolóxico de traballo en Castro Mallou, Carnota (A Coruña)”. Actuacións arqueolóxicas. Ano 2007, pp. 32- 35. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela.
VV.AA.: Fichas do Inventario de xacementos do concello de Carnota. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Xunta de Galicia.
