top of page
_DSC6295.jpg

IGREXAS

PEDRAS CON HISTORIA

O rico pasado destas terras queda patente na abundancia dos vestixios arqueolóxicos e no patrimonio arquitectónico e cultural, que atestiguan a continuidade e a evolución histórica dende os primeiros poboadores ata os nosos días.

 

O patrimonio relixioso e o etnográfico reflexan un próspero pasado, onde as edificacións destinadas ao almacenamento de excedentes adquiren proporcións monumentais. Os celtas, a Gran Guerra Irmandiña ou a Guerra da Independencia Española tamén deixaron a súa pegada neste territorio.

Santa Comba Carnota
Igrexa de Santa Comba de Carnota.JPG

Igrexa de Santa Comba de Carnota

A Igrexa de Santa Comba intégrase nun conxunto formado polo templo, a reitoral, o pombal e o hórreo.

​

A igrexa, construída no século XVIII en estilo barroco clasicista, está datada en 1755. A súa planta é unha fusión entre a cruz latina e a basilical e interiormente divídese en tres naves, separadas por pilastras, as cales están cubertas con bóvedas.

​

A fachada principal está dividida por catro pilastras con capiteis xónicos e decoración vexetal, e rematada por un frontón triangular que fai de cornixa. En toda a fachada só hai dúas aberturas, a correspondente á porta de acceso e un óculo ovalado.

​

No século XIX, agregóuselle un campanario, obra do mestre Carlos Aboy. Tamén neste século se realizaron modificacións na fachada principal, engadíndolle certas decoracións de estilo neoclásico.

​

O altar maior está presidido por un fermoso retablo, obra do escultor Xosé Ferreiro. A este autor tamén se lle atribúen diversas tallas existentes no interior da igrexa.

Igrexa de San Mamede
Igrexa de San Mamede.JPG

Igrexa de San Mamede

A Igrexa de San Mamede é unha edificación do século XVIII de estilo barroco, construída en torno ao 1755. Posúe planta de cruz latina e está composta por unha única nave e unha esvelta torre dividida en catro corpos.

​

O cruceiro, enmarcado por catro arcos, cóbrese cunha bóveda de aresta produto da intersección das dúas naves, a lonxitudinal e a transversal. Destacan os púlpitos que se abren na zona do cruceiro. Aos pés hai un coro en altura, feito con estrutura de madeira, cunha entrada lateral. Nos muros laterais da nave hai dúas fornelas xemelgas con senllos altares que completan o treito principal da nave. Dende o presbiterio accédese á sancristía, que se engadiu no lateral esquerdo, e é de menor altura que o resto do templo.

​

Na fachada principal destaca unha fornela ricamente decorada que alberga a imaxe pétrea do patrón, San Mamede, e no lateral dereito consérvase un reloxo de sol.

No interior destaca o retablo maior, de estilo neoclásico, encargado en 1774 e realizado polos escultores Xosé Ferreiro e Xosé Gambino. Nel atópanse tallas de diferentes santos: presidindo o retablo está a Virxe do Rosario e sobre ela a imaxe do patrón, San Mamede; xunto a elas están S. Pablo, S. Pedro, S. Xosé e S. Xoán Bautista.

Igrexa de San Clemente de O Pindo
Igrexa de San Clemente de O Pindo.JPG

Igrexa de San Clemente de O Pindo

Á esquerda do altar da Igrexa de San Clemente do Pindo hai unha porta que dá acceso á primitiva capela en honor a San Clemente, datada no S. XVII, que posteriormente sufriría unha ampliación, o cal provocaría que perdese a súa orientación orixinal.

​

Clemente Riveiro Fernández, veciño do Pindo, foi o fundador desta capela no ano 1771, que posteriormente se convertería na igrexa parroquial.

Presenta unha estraña configuración debido á súa ampliación en 1906, orientando a fachada principal ao nordeste, cando o habitual é que as igrexas teñan a fachada principal orientada ao oeste.

​

A capela orixinal ten planta rectangular dunha soa nave e divídese en tres treitos. Os treitos inicial e final cóbrense con bóveda de canón (que conservan policromía na ábsida), mentres que no central atopamos unha bóveda de aresta. Os muros son de cantería de granito e a cuberta orixinal era a dúas augas. Cabe destacar o altar, labrado en cantería polo escultor de Santiago de Compostela Antonio del Río no ano 1795, deseñando os planos deste altar o arquitecto, tamén de Santiago, Xosé Cachafeiro.

​

A escasos metros da igrexa atópase a Praia de San Pedro do Pindo, de rechamantes augas turquesas. Tamén se poden ver a península dos Mouchos e o Cabo Fisterra ao fondo.

Capela dos Remedios.JPG

Capela dos Remedios

A Capela da Virxe dos Remedios data de 1706. A memoria popular sostén que a construción desta capela ven motivada pola aparición da Virxe dos Remedios neste mesmo lugar, aínda que se barrallan outras hipóteses que apuntan a que foi construída para que os pastores puidesen acudir á misa os domingos sen perder de vista o gando.

​

No seu interior conserva unha copia da “aparición” orixinal da virxe, que era de pedra e da cal non se sabe nada. Conta tamén cunha maqueta do barco Ariete, que embarrancou na Punta dos Remedios o 25 de febreiro do 1966. Tanto a tripulación da fragata coma o conxunto da poboación do lugar atribuíronlle o salvamento á Virxe dos Remedios e dende aquela a capela ten unha clara devoción mariñeira.

Capela dos Remedios
Igrexa de Santa María de Lira.JPG

Igrexa de Santa María de Lira

A Igrexa de Santa María de Lira foi construída en 1760 e ampliada con posterioridade en 1825. Posúe planta basilical, composta por unha única nave estreita e alongada, dividida interiormente en catro tramos, os tres primeiros cubertos con arcos de medio punto e bóveda de canón e o correspondente á zona do altar con bóveda de crucería.

​

Trátase dunha construción de extremada sinxeleza e con escasa ornamentación, aínda que exteriormente destaca o seu campanario, que está cuberto por unha lanterna rematada con pináculos.

​

Xunto ao hórreo, a casa reitoral e o pombal, conforma un singular conxunto arquitectónico.

Igrexa de Santa María de Lira
Capela de San Gregorio.JPG

Capela de San Gregorio

Atópase no centro da vila, na Praza de San Gregorio, á que lle dá nome. É unha pequena capela do século XVII que ten planta rectangular dunha soa nave. Os seus muros foron construídos con grandes perpiaños de granito e está cuberta a dúas augas con tella do país. Na fachada principal existen dous ocos, un correspondente á porta de acceso, formada por un arco de medio punto, e o outro á ventá rectangular.

Os elementos ornamentais son moi escasos, a excepción dunha pequena espadana rematada por dous pináculos e unha cruz.

Capela de San Gregorio
bottom of page