RUTA
SENDA VERDE
A Senda Verde é un lugar óptimo para a práctica de sendeirismo onde se pode desfrutar da natureza sen perder de vista a espectacular praia de Carnota e o monte Pindo en case todo o seu percorrido.
O que hoxe é unha das rutas máis populares de Carnota, foi no seu día o camiño de paso entre os concellos de Carnota e Muros. Antes da construción da actual estrada pola costa (AC-550), os veciños e as veciñas de Carnota, aínda que maioritariamente as mulleres, cargaban a miúdo os cestos sobre as súas cabezas con produtos da terra, ovos ou leite para ir vender á feira a Muros. A cambio, traían outros produtos dos que non dispoñían nos seus fogares, o que se coñece co nome de troco.
O camiño actual sufriu algunhas modificacións con respecto ao antigo e, na actualidade, dende a Senda Verde pódense tomar varios desvíos. Algúns deles conducen a diferentes núcleos de poboación e outros aos distintos xacementos que conforman o Museo Arqueolóxico Aberto de Carnota.
Esta ruta de 14 km une O Ancoradoiro e o lugar de Louredo e conta con dúas áreas de descanso: a de Martiaño, na zona de Lira, e a das Camposas, en San Mamede.
O percorrido pódese realizar a pé ou en bicicleta e apenas ofrece dificultade, agás nos accesos, que é onde presenta maior desnivel.




