top of page
arqueoloxia.jpg

ARQUEOLOXÍA

OS NOSOS ANTERGOS

Os gravados rupestres adoitan datarse no calcolítico e na Idade de Bronce e pertencen ó grupo galaico da arte rupestre aqueles gravados con motivos de animais, circulares, armas, paletas e idoliformes; mentres os de motivos cruciformes foron feitos ao longo de centos de anos principalmente na Idade Media ou tempos máis recentes. En Carnota atopamos numerosas mostras de gravados rupestres realizados en pedras ao aire libre, os petroglifos. Os más coñecidos son os que integran o Museo Arqueolóxico Aberto: a Laxa Escrita, o Afilladuiro, As Laxiñas, Rego Lamoso, Prousos Magos, etc.

​

Dende finais da Idade do Bronce e ata o século I, desenvolveuse no noroeste peninsular a cultura castrexa, cuxa característica máis notable son os seus poboados amurallados coñecidos coma os castros dos que toma nome. No noso Concello destaca a presenza de dous castros, pero o mellor conservado é o Castro de Mallou, que aínda presenta restos das murallas e das vivendas. Na parroquia de Lira existe outro asentamento castrexo, pero non en tan boas condicións.

museo_arqueoloxico_transparente.png

Museo Arqueolóxico Aberto

O Museo Arqueolóxico Aberto é un espazo natural que transcorre ao longo de máis de 10,5 km, a través dos cales se atopan sete espazos arqueolóxicos de distintas épocas e tipoloxías, seleccionados dentro da gran riqueza cultural que se distribúe polo territorio de Carnota, onde hai sobre oitenta sitios arqueolóxicos.


O museo está compostos polos petróglifos de Prousos Magos, A Laxe Escrita, Rego Lamoso, O Afilladuiro e As Laxiñas; e polo Castro de Mallou e a Torre dos Mouros. Todos estes espazos ofrecen unha ruta a través da historia, dende a Idade de Bronce (os petróglifos están datados entre o III e principios do II milenio a. C.) ata os nosos días. Alcanzan unha cota de máis de 300 m, dende onde se pode desfrutar das incomparables vistas de Carnota: o seu areal, de case 7 km; o Faro de Fisterra, á fronte, e a Ría de Corcubión e o Monte Pindo, ao norte, protexendo a contorna.


Os diferentes espazos do Museo Arqueolóxico Aberto distribúense ao longo da Senda Verde, unha ruta lineal de sendeirismo na que están sinalizados os accesos e os xacementos. Os referidos puntos de inicio facilitan a visita, xa que posibilitan a selección de diferentes percorridos. Os máis destacados son os de Lira, Mallou, Carnota e Louredo. As características deste museo ao aire libre permiten facer unha ruta a pé ou en bicicleta a calquera hora do día, combinando a visita cultural, natural e deportiva.

Petroglifos
Copia de _DSC6528 PEQ.jpg

Petroglifos

A Laxe Escrita

Descrición

Os gravados repártense en varios grupos. A primeira agrupación/ representación  localízase sobre unha gran laxe a ras do chan, situada na marxe norte da pista forestal, onde se poden observar multitude de motivos, entre os que podemos citar combinacións circulares, varios  motivos cruciformes, así como uns gravados que semellan representar embarcacións.

​

As combinacións circulares, unhas dez aproximadamente, presentan un trazo radial prolongado ao exterior, nalgúns casos incompletas, e cun diámetro que varía entre os 25 e os 60 cm. Destaca na zona central unha combinación circular de 74 cm de diámetro, inacabada ou desgastada por un extremo. Varía tamén a profundidade do suco destes gravados, presentando algúns un suco máis áspero, posiblemente como consecuencia dun repicado posterior. Dentro das combinacións circulares destacan as representacións que aparecen xusto ao lado la pista; tal é a súa singularidade, que acadaron o prestixio de converterse no símbolo do Museo Arqueolóxico Aberto. 

 

Na zona central da laxe podemos ver cinco embarcacións de vela de tres mastros, que corresponderían á Idade Moderna. Tres destas representacións atópanse máis completas e teñen unhas lonxitudes que varían entre os 70 e os 45 cm. Debe destacarse o feito de que todas as embarcacións están orientadas cara ao mesmo lado.

​

O resto dos gravados están compostos por varios símbolos de difícil identificación, algunha coviña de pequeno tamaño, así como un amplo catálogo de cruces, algunhas delas de clara adscrición medieval, máis ou menos complexas. Contabilízanse unhas cen cruces de sucos semellantes aos das embarcacións.

​

O segundo grupo está a 20 metros cara ao oeste da laxe principal. Neste grupo hai representadas, sobre unha pedra de gran tamaño, tres combinacións circulares.  A 100 m ao oeste está o terceiro grupo, formado por un mínimo de tres combinacións circulares.

​

​

Como chegar

Detrás do Concello de Carnota atópase o Pavillón Polideportivo Municipal e, xusto ao seu carón, encontramos un dos monólitos de referencia, localizado nun dos accesos á Senda Verde. Ascendemos pola pista uns 700 metros, cunha pendente moderada, e achamos a mesa interpretativa ao carón da laxa, na marxe esquerda da pista, nunha pronunciada curva. A laxa ten unhas dimensións de 11 x 6 m de superficie case plana e está ao mesmo nivel do terreo.

​

​

Bibliografía

CERNADAS SANDE, J. (2008): Gravados rupestres nos montes de Carnota. TresCtres Editores. Santa Comba (A Coruña).

ALONSO ROMERO, F. (1993): “Las embarcaciones en el período germánico del arte rupestre de Carnota (La Coruña)”. Galicia: da romanidade á xermanización. Problemas históricos e culturais. Actas do encontro científico en homenaxe a Fermín Bouza Brey (1901-1973), Santiago de Compostela.

BÓVEDA FERNÁNDEZ, Mª. J.; CAÑIZO FRAGA, J. A.; VILASECO VÁZQUEZ, I. (1999): “Lugares para grabar, lugares para morrer. Petroglifos e cistas na Idade do Bronce no NW da Península Ibérica”. Gallaecia: revista de arqueoloxía e antigüidade, nº 18, pp. 89-102.

VV.AA.: Fichas do Inventario de xacementos do concello de Carnota. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Xunta de Galicia.

CONCELLO DE CARNOTA (2013): Catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Documento previo á aprobación inicial. Tomo V.

A Laxe Escrita
Prousos Magos

> Prousos Magos

Prousos Magos. Grupo 42.png
Prousos Magos.png
As Laxiñas

> As Laxiñas

As Laxiñas. Grupo A..png
Laxiñas. Grupo C.png
O Filladouro

> O Filladouro / O Afilladouro

O Afilladuiro. Grupo B.png
O Afilladuiro. Grupo A.png
Rego Lamoso

> Rego Lamoso

Rego Lamoso. Grupo B2.png
Rego Lamoso. Grupo B.png
Castro Mallou
castro-Mallou.jpeg

Castro Mallou

O Castro de Mallou é un poboado fortificado da Idade de Ferro, que puido estar en funcionamento entre os séculos IV-III a. C. e o I d. C.

 

O seu perímetro está rodeado practicamente na súa totalidade por dúas murallas separadas por un terraplén e reforzadas na cara sur cunha terceira muralla e un pequeno parapeto, entre os que se localizaría un foxo. É posible que esta terceira muralla estivese delimitando un posible antecastro. O conxunto presenta unha superficie aproximada de 1,38 hectáreas.

​

O recinto principal do castro ocupa unha superficie de forma ovalada de aproximadamente 4.450 metros cadrados. O seu estado de conservación non é tan bo como se desexaría, pois moitas das pedras que formaban as construcións, estruturas circulares e rectangulares, foron aproveitadas noutros tempos para outros mesteres. Ademais das vivendas, entre os achados cabe destacar un posible alxibe, o corpo de garda, a presenza de escoura de ferro (que indicaría unha posible ferrería), fusaiolas, muíños naviformes e abundantes restos de cerámica.

​

Entre os anos 2006 e 2008 realizábanse unhas primeiras actuacións no recinto, as cales deixaron á vista varias construcións na croa. Posteriormente, en 2013, o castro recuperouse por medio dunha iniciativa de arqueoloxía pública participada pola veciñanza, voluntariado e o Concello de Carnota.

Segundo contan as lendas, o castro foi residencia da Raíña Lupa e mesmo se sinala un dos penedos do recinto como a súa cadeira ou trono. Hai anos apareceu nunha das murallas unha escultura dunha cabeza de porco bravo, que posteriormente foi roubada. 

​

​

Como chegar

A un quilómetro cara ao norte da Torre dos Mouros, atopamos o Castro de Mallou, ao que podemos tamén acceder dende a aldea de Mallou, da que dista uns 500 metros escasos. Ao chegar ao punto marcado na pista, hai que ascender apenas 20 metros por un terreo doado, para atopar a mesa interpretativa situada ao pé do castro.

​

Temos dúas posibilidades de acceso dende o punto no que se sitúa a mesa informativa:

  • Ascender en liña recta atravesando a muralla ata chegar á plataforma interior.

  • Rodear pola esquerda o castro e acceder pola que sería a entrada orixinal e monumental.

​

​

Bibliografía

AGRAFOXO PÉREZ, X. (1991): “A cultura castrexa nos concellos de Outes, Muros e Carnota”. Cadernos Cruceiro do Rego. Publicacións Sementeira. Noia.

LAMAS BÉRTOLO, J. (2009): “Campo arqueolóxico de traballo en Castro Mallou, Carnota (A Coruña)”. Actuacións arqueolóxicas. Ano 2007, pp. 32- 35. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela.

VV.AA.: Fichas do Inventario de xacementos do concello de Carnota. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Xunta de Galicia.

CONCELLO DE CARNOTA (2013): Catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Documento previo á aprobación inicial. Tomo V.

Torre Do Mouros.JPG

Torre dos Mouros

A Torre dos Mouros é unha impoñente fortificación de inicios da Idade Media. Localizada nun outeiro rochoso, ten unha privilexiada vista de 360º que abrangue dende Monte Louro (Muros) ata o Cabo Fisterra.

​

A fortificación consta de diferentes elementos:

  • Un sistema de dobre muralla, que pecha este recinto de dúas hectáreas de extensión. As murallas considéranse monumentais tanto polo grosor, de ata cinco metros, coma pola súa altura, que debeu de ser destacable, tendo en conta a cimentación, de 3-4 metros de profundidade; co cal, serían perfectamente visibles dende o mar.

  • Un camiño de acceso, que esta lousado e que dá paso ao interior do recinto principal, duns 20 metros.

  • Dous recintos internos: o principal, na parte baixa, na explanada á que accedemos ao atravesar as murallas; e un segundo recinto, na parte elevada, un reduto de máis difícil acceso, que contaría cun peche perimetral propio. Polo momento non é posible determinar o uso destes recintos, nos que hai evidencias da existencia de construcións de carácter efémero.

  • A entrada é tamén monumental, orientada cara ao porto de Lira, nun claro sentido disuasorio fronte posibles ataques dende o mar.

​

Este amplo recinto de carácter monumental presenta características diverxentes respecto dos habituais do noroeste peninsular (os castros) ou dos pequenos castelos ou torres da súa contorna. As técnicas construtivas difiren tamén das empregadas nos castros, o que, xunto coa ausencia de restos materiais (cerámicas que xustifiquen o uso doméstico), fala dun uso diferente a estes.

​

Segundo o estudo dos vestixios e do contexto construtivo, estaría deseñado para acoller a unha comunidade de xeito puntual, en momentos concretos, que se corresponderían con aqueles de maior virulencia das razzias viquingas, ataques máis centrados nas épocas máis favorables para a navegación (primavera e verán). Despois do s. XII, co cese dos ataques, deixaría de usarse como refuxio e pasaría a un uso agro-gandeiro.

​

No século XX, o lugar continuou tendo a súa función de protección, xa que foi utilizado como refuxio para os fuxidos da Guerra Civil. Este espazo está asociado a diversas lendas, entre as que destaca a do cabaliño de ouro. O lugar puido ser recuperado por medio dunha iniciativa de arqueoloxía pública coa participación da veciñanza de Lira, voluntariado e o Concello de Carnota. 

​

​

Como chegar

Está situado ao pé da senda. A poucos metros de pasar a cancela que pecha a zona, observamos o camiño empedrado, duns 20 metros, que sobe ao recinto superior a través das murallas, entrada orixinal desta fortificación. Resulta doado o acceso. 

A través da Senda Verde: indo dende Lira é o primeiro destino que atopamos na senda.

​

Dende a AC-550: en Lira, en dirección Muros, collemos un desvío á esquerda, á altura do km 29. A 2,2 km atopamos a mesa explicativa, ao pé da porta de acceso.

​

​

Bibliografía

BARREIRO BARRAL, J. (1970): “Notas Arqueológicas e históricas de los montes de El Pindo”. Compostellanum, T. 15, nº 4, pp. 653-643. Santiago de Compostela.

CRÁNEO, M. (2012): A Torre dos Mouros. Demo Editorial.

VV.AA.: Fichas do Inventario de xacementos do concello de Carnota. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Xunta de Galicia.

CONCELLO DE CARNOTA (2013): Catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Documento previo á aprobación inicial. Tomo V.

Torre dos Mouros
bottom of page