top of page
Search

A caseta de Pepe do Cuco alberga o primeiro museo automatizado de Galicia

En España existen centenares, quizá milleiros de edificios históricos nos que, con boa vontade, fixéronse grandes investimentos en rehabilitación e instalacións museográficas. A realidade é que, pouco tempo despois, moitos destes recintos atópanse, ou ben pechados ou ben cun réxime de uso moi precario. O motivo principal adoita ser a imposibilidade de dotalos dos recursos humanos adecuados para a súa apertura, atención ao público ou vixilancia. Consciente desta situación, o Concello de Carnota, puxo en marcha o primeiro museo automatizado de Galicia a través dunha subvención do Galp Costa Sostible.


A continuación contámosche un pouco máis en detalle este pequeno proxecto da Caseta de Pepe do Cuco:

 

A CASETA

A construción onde está este pequeno museo débese a Pepe do Cuco. Foi construida alá polo ano 1940 e recentemente cedida ao Concello de Carnota polos seus heredeiros. Pero Pepe non a fixo para vivir nela, senón para gardar e manter os aparellos e todos os útiles de “andar ao mar”, sendo unha das moitas que había en Portocubelo, no porto de Lira. En Carnota aínda se conservan gran cantidade de casetas deste tipo e en moitos casos continúan cumprindo a súa función orixinal, destacando entre elas un conxunto de arredor de 30 casetas en Caldebarcos, ao outro extremo da praia de Carnota.

 

O MUSEO

O proxecto museográfico para a creación deste museo baseouse no respecto a catro principios:

-Respecto á fala e acento dos protagonistas (a versión en inglés e castelán da visita simplemente subtituláronse).

-A forma na que os habitantes de Lira quixeron ganduxar unha historia sobre si mesmos. Na caseta non hai un guión previo, nin un narrador, nin un soporte expositivo onde ningún experto que condicionase a visión que sobre Lira quixeron achegar os seus veciños.

-A simple consolidación dos restos sumamente deteriorados dunha colección etnográfica na que elemento principal é unha embarcación, un bote.

-A mínima intervención na propia Caseta a efectos de restauración.

 

A HISTORIA.

Nun tempo non tan afastado, hai apenas 80 anos, na época de Pepe do Cuco, a vida en lugares como Lira, Carnota ou a Costa da Morte era moi diferente á actual, podendo ser moi dura e difícil para moitas familias. Naqueles tempos, case a totalidade dos obxectos dos que tiñan que servirse no día a día reducíanse a pouco máis de media ducia de materiais: madeira, pedra, ferro, barro, fibras naturais e algún outro. Con eles tiñan que facer fronte a todas as necesidades cotiás e, por suposto, xerar as ferramentas e os medios para gañarse o sustento, como as lanchas xeiteiras e os botes.

 

OS NARRADORES DA HISTORIA

Dentro da caseta, a través dunha serie de pantallas, contamos unha historia que ten que ver coa xente de Lira: Aurora, Rogelio, Anxo da Carreirana “O Peixe”, Abelardo, Lobelos, Jordi, Xaquín dá Portuguesa son persoas reais que teñen hoxe en día unha vinculación efectiva coa cultura mariñeira. Eles achégannos a súa visión de como evolucionou a vida en Lira desde que Pepe do Cuco construiu a súa caseta, alá polos anos 40 do século pasado. Os testemuños duns e outros son ganduxados polo presentador e ligazón virtual Miguel de Lira, actor de relevancia e veciño tamén de Lira.

 

A EXPERIENCIA DO USUARIO

A Caseta de Pepe do Cuco propón un concepto totalmente novo de relación entre o cidadán e a cultura, na que non hai máis intermediario nin limitación que un proceso automatizado de acceso denominado “Ymyk” acrónimo do inglés “Your mobile, your key” (o teu móbil, a túa chave). Ymyk para o usuario consiste nun código QR exposto no exterior da Caseta que dirixe a un simple formulario de acceso no que se solicita a apertura automática da porta. A partir de aquí, unha secuenciación de vídeos en distintas pantallas, sons, iluminación de obxectos e maquetas narran a historia que os veciños de Lira quixeron contar sobre eles mesmos. O sistema, a través de iluminación e son guía ao visitante durante toda a visita.




0 comments
bottom of page