A Praia de Carnota puxo a proba aos corredores na XXXIII Carreira das Areas

Carnota viviu este domingo unha xornada para o recordo coa celebración da XXXIII Carreira das Areas, unha edición histórica por ser a primeira que se desenvolveu fóra da tempada de verán. O cambio de datas non restou atractivo a unha das probas máis singularesdo calendario popular galego, que volveu converter a inmensa Praia de Carnota nun espectacular escenario deportivo.
Os participantes das distancias de 3km e 10 km tiveron que facer fronte a un percorrido mui esixente, coa presenza constante de auga sobre a area, unha circunstancia que engadiu máis dureza a unha carreira única.
Na distancia de 10km, o triunfo foi para Francisco Pais, acompañado no podio por Eloi Couso e Jaci Vello. Na categoría feminina, Tina Fernández impúxose por diante de Clara Pazos e Diana Balboa. A proba de 3km deixou taméng grandes momentos deportivos. Nicolás Iglesias cruzou a meta en primeira posición, seguido de Luis Miguel Feito e Carlos Fraga. Entre as mulleres, Alejandra Formoso acadou a victoria por diante da súa irmá Eva Formoso e de Ana Alvite.
Precisamente unhas das imaxes da mañá chegou nos metros finais desa carreira, cando as irmáns Formoso Recarey protagonizaron unha emocionante entrada en meta loitando polas primeiras posicións femininas, nun desenlace que espertou os aplausos do público presente.
A xornada contou tamén coa participación da madriña do Circuíto Correndo pola Costa da Morte, Sara Vieites, que completou os 3km e entrou en meta apenas uns minutos antes da saída da carreira reina de 10km.
Entre os momentos máis especiais destacou igualmente a participación de Alianza Uhía, técnica de Cultura do Concello de Carnota, que completou os 3km na primeira carreira da súa vida. Habitualmente vinculada á organización da proba, onde leva anos traballando para que cada edición saia adiante, nesta ocasión puido vivir a experiencia desde o outro lado, coa camiseta de corredora.
A organización quere agradecer o labor de todas as persoas voluntarias que fixeron posible o desenvolvemento da carreira, así como a colaboración dos compañeiros do Jerreiro, de Protección Civil e da Policía Local, cuxa implicación resultou fundamental para garantir a seguridade e o bo funcionamento da proba.
Trinta e tres edicións despois, a Carreira das Areas segue demostrando que conserva intacta a súa capacidade para combinar deporte, paisaxe e emoción nun dos espazos naturais máis impresionantes de Galicia.




Comments