Carnota deslumbrou na XII edición da feira "Víndemo Ver"
- marialago67
- Apr 19
- 2 min read
Updated: 4 days ago
Carnota acolleu do 17 ao 20 de abril a XII Mostra de Promoción Local “Víndemo Ver-Mercado da Deputación”, unha celebración que converteu a praza de San Gregorio no epicentro da artesanía, tradición e cultura local. O evento, dedicado este ano ao fascinante fenómeno do mar de ardora, foi un éxito de asistencia e participación, reforzando a súa posición como un referente da promoción cultural e económica da comarca.
Os asistentes puideron desfrutar dunha ampla oferta de produtos de proximidade e artesanía local no Mercado da Deputación, ademais dos postos gastronómicos e actividades ao aire libre. A feira abriu as súas portas o xoves co acto de inauguración e unha interesante charla-coloquio que contou coa participación de expertos como Ana García (fotoperiodista de La Voz de Galicia, Francisco Rodríguez Hernández (Investigador no IEO-CSIC) e Julio Canosa Marcote (de embarcaciones Fish-Terra) que compartiron os seus coñecementos sobre o mar de ardora. No acto estiveron presentes tamén o alalde, Juan M. Saborido e o deputado de patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas. Ambos fixeron un percorrido polo Mercado ao finalizar o acto para ver os postos e conversar cos/as artesas/ns e productores/as.
Houbo un gran ambiente festivo durante as actividades deportivas, como a XII Ruta BTT, a mini BTT infantil e a IV Xincana de bicicletas na que participaron os máis pequenos/as.
Na andaina temática “Andar ao mar” do sábado transcorreu sin incidencias a pesares do tempo desfavorable durante a xornada de mañá. A ruta que comezou no faro de Lariño e finalizou en Carnota contou coa ambientación do grupo Ximiela.
A música e as actuacións culturais puxeron a nota festiva, destacando os concertos de Chiña, Juan do Tractor, Los Lunes al Sol, 9Louro e Xurxo Fernandes. Ademais, as actividades para a rapazada, como os obradoiros de cerámica e cestería, xogos tradicionais e espectáculos, mantiveron aos máis pequenos/as entretidos/as durante os catro días.
A feira tamén foi unha oportunidade para mergullarse na historia e cultura mariñeira grazas ás exposicións temáticas, entre elas a colección de fotografías de Ana García “Os segredos do Mar de Ardora” e os aparellos de pesca tradicionais do século XX, que engaiolaron aos asistentes.
Con esta edición, Carnota reafirma o éxito da súa aposta pola tematización, ofrecendo un evento que destaca pola súa aposta pola promocioción do produto local nun ambiente familiar.
Comentarios