O Monte Pindo avanza cara a un modelo de turismo sostible e de calidade
- 1 day ago
- 1 min read
Os Concellos de Carnota, Dumbría e Mazaricos veñen de unir esforzos nun novo proxecto de turismo científico, unha iniciativa que busca poñer en valor este espazo natural único a través do coñecemento, da divulgación e da protección do seu patrimonio.
A proposta conta co apoio da Deputación da Coruña, que achega 86.000 € para o desenvolvemento de actuacións clave, entre elas a mellora da sinalización de itinerarios que reforcen a seguridade das persoas visitantes e a creación de materiais divulgativos. O obxectivo é ofrecer unha experiencia máis completa e rigorosa, favorecendo unha aproximación ao Monte Pindo baseada na interpretación da paisaxe, a conservación ambiental e o respecto pola súa singularidade cultural.
Este proxecto conxunto supón un novo impulso para a promoción coordinada do Monte Pindo como un referente da Costa da Morte. A través desta iniciativa, preténdese avanzar cara a un modelo turístico que combine calidade, sustentabilidade e identidade propia, garantindo que quen nos visita poida coñecer e desfrutar dun espazo natural de enorme valor.
Desde o Concello de Carnota seguimos traballando para que o Monte Pindo continúe sendo un símbolo de natureza viva, protexida e aberta á investigación, á divulgación e ao turismo responsable.





Comments