top of page
Search

Visitas guiadas por Carnota

Updated: Aug 3, 2022

O Concello de Carnota organiza un programa de visitas guiadas durante os meses de xullo e agosto para dar a coñecer os lugares máis emblemáticos e con máis interese turístico do municipio.


O 7 de xullo tivo lugar a primeira das rutas pola parroquia de Lira onde se visitaron antigas fábricas de salgadura, o lugar do afundimento do buque da Armada Española Ariete, a capela dos Remedios e o hórreo de Lira. A ruta volverase a repetir o 18 de agosto.


A segunda ruta é, sen dúbida, unha das máis demandas, a subida ao Monte Pindo dende O Fieiro. As citas terán lugar o 14 de xullo e o 4 de agosto.


A ruta nocturna polo Museo Arqueolóxico Aberto de Carnota celebrarase os días 21 de xullo e 11 de agosto. Nela realizarase unha interpretación da paisaxe dende o miradoiro de Lira e visitarase o petróglifo da Laxe Escrita. A ruta acostuma ter moita acollida pola gran visibilidade dos gravados con luz artificial.


O 28 de xullo está prevista unha ruta circular, de aproximadamente 10 km, con saída dende Caldebarcos que transcorre no inicio pola liña de costa, onde se poden apreciar distintos exemplos de arquitectura popular mariñeira, como as casetas de pescadores ou as antigas fábricas de salgadura para logo continuar o curso do río e ver os muíños de Panchés e o miradoiro de Onde se Adora.


E para rematar, o 25 de agosto terá lugar a ruta dos muíños de Vadebois e Panchés, cuxo percorrido discorrerá pola ladeira sur do Monte Pindo, pasando polos muíños do rego de Amil e polos muíños da Curra e Panchés, algúns dos cales foron restaurados, mentres que outros moitos permanecen en ruínas.


Todas as rutas son de balde e iniciaranse ás 9:30 da mañá agás as nocturnas que comezarán ás 21:30. O tempo estimado para a súa realización é de 3:30 horas e a dificultade é media-alta.




Máis información:

*As inscricións deberán formalizarse antes do día anterior a celebración da ruta ás 12:00 h.





0 comments

Comments


bottom of page