Carnota dedicará o XIII Víndemo Ver ao Solpor
- 3 days ago
- 2 min read
O XIII Víndemo Ver contará co Mercado da Deputación e actividades para tódolos públicos.
O Concello de Carnota leva varios anos recuperando elementos da memoria colectiva para converter cada edición do Víndemo Ver nunha viaxe pola historia local. Tras homenaxear ás leiteiras que camiñaban ata Muros, dedicouse unha edición ao millo, outra a sardiña e o seu procesado e tamén ao máxico e luminoso mar de ardora, este ano o protagonista será O Solpor.
Do 2 ao 5 de abril, a praza de San Gregorio transformarase nun espazo destinado á venda de produtos da horta, propostas ecolóxicas e artigos de proximidade dentro do Mercado da Deputación. Xunto a estes postos, creadoras e creadores da zona exhibirán o seu traballo artesanal, completando unha oferta diversa que busca poñer en valor o talento local. A praza contará tamén con áreas de comida e bebida ao aire libre, pensadas para gozar dun ambiente festivo durante toda a xornada.
O evento dará comezo o xoves 2 de abril, ás 17:00 h, co acto de inauguración e presentación do espectáculo audiovisual inmersivo “Os nosos ceos: Costa da Morte”, con Antonio Nodar e Frank Bushmann.
O venres 3 de abril será a proba BTT, con saída ás 09:30 h dende o pavillón de Carnota. As inscricións permanecerán abertas en cronotec.es ata o luns 30 de marzo ás 14:00h.
Paralela a BTT, terá lugar unha xincana infantil de bicicletas para a rapazada que queira seguir os pasos dos grandes ciclistas dende ás 10:30h. Non esquezades traer a vosa propia bicicleta e o voso casco.
Como xa vén sendo habitual, a programación inclúe unha andaina temática que este ano é “Andaina do Solpor”, cun percorrido lineal de arredor de 12 km. Será o sábado 4 de abril e a saída terá lugar ás 18:30 h, dende a praza San Gregorio de Carnota. O traslado ata o punto de inicio da ruta realizarase en bus e o percorrido transcorrerá na súa gran maioría porla ladeira do monte de Carnota. As inscricións poderán realizarse en cronotec.es ata o 31 de marzo.
Haberá, ademais, innumerables actividades lúdicas para a rapazada, como xogos tradicionais, obradoiros de cerámica e cestería, etc. Tamén haberá actuacións culturais e música tradicional para amenizar o ambiente, a cargo da Banda de Gaitas Longarela, da Charanga Santa Compaña e da Agrupación Folclórica Ximiela.
E para amenizar as noites a programación inclúe os seguintes concertos: O xoves 2, ás 22:00 h, contaremos ca presenza xa habitual de Chiña e posteriormente karaoke. O venres 3 ás 22:00 h, serán os concertos de Los Lunes al Sol con versións dos anos 80 e 90 á actualidade e o dúo musical The Balayos. A última noite de concertos será o sábado 4 de abril, con Tian GZ, Xian Pais e Ortiga.
Durante os catro días, poderase visitar na carpa grande, no posto do Concello de Carnota – Deputación da Coruña a exposición de fototografías "En busca del rayo verde. Atardeceres en el último segundo del sol" da fotoperiodista de La Voz de Galicia, Ana García e a exposición de cunchas do noso litoral “Un mar de cunchas”.
Para unha mellor ambientación da feira, convidámosvos a vir carecterizados da época para a ocasión!





Comments