Volven as Noites Espectaculares: o ciclo de teatro de outono en Carnota
O Concello de Carnota presenta un ano máis a súa programación teatral de outono, unha cita xa consolidada na axenda cultural municipal. A partir do 23 de outubro, o auditorio do Viso volverá encherse de historias, humor, emoción e creatividade coa nova edición de Noites Espectaculares.
Este ano o ciclo chega con novidades: por primeira vez, a programación inclúe espectáculos para todos os públicos, combinando propostas para adultos con funcións pensadas especialmente para familias. Haberá teatro profesional, documental escénico, monicreques, contacontos e tamén teatro afeccionado, configurando unha oferta diversa e pensada para todos os gustos.
Todas as actuacións terán lugar no Auditorio Municipal do Viso e terán lugar os venres á noitiña:
19.00 h → funcións familiares
21.00 h → programación para adultos
As entradas serán de balde e de acceso libre ata completar aforo.
O ciclo de Noites Espectaculares está organizado polo Departamento de Cultura do Concello de Carnota, coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural e do programa Outono das Artes.
A programación deste ano inclúe as seguintes propostas escénicas:
VENRES 23 OUTUBRO. Documental “Ao son da nova Regueifa”.
Enmarcada no programa da Deputación da Coruña “Outono das Artes” – Para público adultoTodo comeza cunha busca, a da Nova Regueifa. Nese proceso, rematamos decatándonos de que xaestamos camiñando ao son dela. Este documental propón unha viaxe na procura das pontes construídas entre a Regueifa tradicional e as súas expresións máis contemporáneas, afondando no proceso de recuperación e transformación desta arte da improvisación oral na Galiza. Nun percorrido que atravesa o país de norte a sur, coñecemos regueifeiras e regueifeiros que nos abren as portas ao mundo do repentismo, traendo á fronte o talento, a creatividade e a diversiadade que caracteriza a Regueifa hoxe en día. Neste itinerario que vai de Bergantiños a Vigo, non deixan de presentársenos unha serie de opostos: tradición e modernidade, aldea e cidade, aprendizaxe innata e pedagoxía… A través de testemuñas apaixonadas, versos improvisados e moita música, trazamos un retrato poliédrico da Regueifa contemporánea: unha arte con raíces fondas e ás abertas, disposta a seguir improvisando polos camiños do vento.
VENRES 30 OUTUBRO. Fran Rei con “Hamelin”.
Contada con monicreque e música,para público infantil e familiar, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.Todos e todas coñecemos a popular historia que aconteceu hai moito tempo na vila alemá de Hamelin, na que un frautista secuestrou os nenos e nenas da vila en castigo por un engano. Segundo nos contaron sempre, os rapaces e rapazas da vila seguiron o músico hipnotizados/as polo doce son da súa frauta. Así foi como sempre nola contaron, pero… Todos os nenos e nenas foron detrás do frautista? Non. Unha nena non sucumbiu ante a música e logrou salvar as crianzas da vila. Que facía tan especial a esta nena? Que era xorda.Fran Rei presenta o seu novo espectáculo unipersoal en colaboración con Carmen Conde e dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos e ás súas familias. Nesta montaxe, Fran Rei mestura narración oral, maxia, un chisco de música, unhas faíscas de lingua de signos e moito humor na súa particular revisión dapopular lenda alemá do frautista de Hamelin.
VENRES 13 NOVEMBRO. A Xanela do Maxín “ O rato Pérez ”.
Enmarcada no programa da Deputación da Coruña “Outono das Artes” – Para público familiarRato Pérez é unha emocionante historia que narra a aventura deste famoso recolle-dentes. O protagonista, o Rato Pérez, vive nun mundo cheo de maxia e riscos. Desde o seu fogar, viaxa recollendo dentes de leite das nenas e nenos que os perden. Enfrontándose a perigos e desafíos, Pérez debe atopar unha solución creativa para o seu problema de almacenaxe de dentes. Non pode deixar de cumprir coa súa misión vital, que é garantir que os nenos teñan unha boa educación sobre a importancia do coidado dental.A historia mestura comedia, acción e maxia nunha trama que mantén ao público engaiolado. Mentres Pérez recolle os dentes, tamén aprende leccións valiosas sobre o traballo en equipo e a perseveranza. A súa misión non só é importante para el, senón tamén para as nenas e nenos que confían na súapresenza nocturna. A través desta comedia chea de acción, descubrimos o fascinante mundo do Rato Pérez e dos seres recolle-dentes. Eles non só recollen dentes, senón que tamén transmiten un mensaxe de responsabilidade sobre a saúde bucal.
VENRES 20 NOVEMBRO. Contraproducións SL “Apaga o Candil”.
Obra para público adulto con Tonho Salgado e Avelino González, Concellería de Cultura do Concello coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.Noite de luar. Encrucillada de camiños. Entra en escena un home miúdo e melancólico. É o personaxe d’O Xestal. Á luz dun candil, vestido de repoludo gaiteiro rosaliano, sáelle ao paso un mozo novo e garrido. É a morte.O personaxe d’O Xestal négase a recoñecer a morte en tan atípica fasquía. Cando finalmente a
recoñece resístese a seguila, establecéndose entre eles unha dinámica e amena tirapuxa na que se entreveran os episodios máis significativos da sufrida vida d’O Xestal con algúns dos seus contos máisdivertidos.
VENRES 11 DECEMBRO. Grupo de teatro Amador Terra de Outes “A praia do demo”.
Comedia para público adulto. Concellería de Cultura do ConcelloUnha proposta baseada na obra de Carlos Outeiral “Langas”, que inclúe tamén a peza “Pedida de man” de Antón Chekhov, nun espectáculo cheo de humor, emoción e teatro afeccionado.





Comments